09 abril 2007

Kaskarilleira existencial 0.0


Kaskarilleira

Características básicas


Kaskarilleira é unha cidade situada no noroeste de Kalikia e bañada por un gran océano.
O seu emprazamento é privilexiado, xa que se ergue sobre un promontorio na entrada dunha ría nun amplo golfo. Según a lenda, dende unha das rochas do promontorio, a chamada rocha dos mártires caídos, eran lanzados ao mar os destemidos evanxelizadores cristiáns que precedentes da odiada Picheleira do Santo pretendían apartar aos primitivos kaskarilleiros do seu profundo hedonismo.
A cidade estendeuse a partires da lingua de terra formada entre a illa onde hoxe se asenta a Torre do Mangallón e o continente. Ainda que as malas linguas -nunca mellor dito- falan de que o termo kaskarilleira procede da racanería do seus habitantes capaces de exportar chocolate quedándose elas tan só coa cascarilla, outros estudiosos de prestixio cren que o termo deriva da vocación dos seus habitantes pola charla abusiva e sen prexuicios. Deste xeito, os kaskarilleiros serían responsables do verbo "cascar" como sinónimo de charlar sen parar. Por outro lado ¿ten algo que ver o dato de que os kaskarilleiros vivan nunha lingua de terra co feito de que teñan unha lingua "tan longa"? Expertos eruditos non o desbotan.
Xeograficamente a parte máis antiga, coñecida popularmente como a Kaskarilla Vella, está edificada sobre un castro onde residían os indomables kaskarilleiros prerromanos que se adicaban a dicaban basicamente a comer o marisco das rochas, latricar cos veciños das outras pallozas, facer longas caminatas polos arredores para poder presumir dos seus collares de cunchas diante dos envexosos habitantes das aldeas da bisbarra e por encima de todo a autocontemplación. Ista, por certo, é a única crencia religiosa que debeu triunfar na antiga Kaskarilleira ata a chegada do cristianismo, tal como queda demostrado polos restos de espellos atopados nos castros.
"O Centro" era a chamada Espiña do Pescado, e nela asentouse a partires da Idade Media o gremio dos mareantes que non eran señores que marearan á xente en xeral ou a algunha perdiz en particular, senón unha corporación profesional formada por mariñeiros e armadores.

Esteticamente, unha das características máis notables que identifican á Kaskarilleira constitúena as múltiples e variadas galerías ou miradoiros con espello que permiten aos seus moradores practicar a sua antiga relixión e hoxe en día deporte: a autocontemplación. Ise e o motivo polo que Kaskarilleira e tamen coñecida polo sobrenome de Cidade-espello.
Máis alá da fermosa cidade, non hai que esquecer as numerosas praias, así como o contorno rural, que ofrecen múltiples posibilidades de lecer a turistas e visitantes. Lamentablemente os propios kaskarilleiros rara vez disfrutan disto, xa que son partidarios de ir directamente ás súas "fincas" sen perder o seu precioso tempo de ocio contemplando paisaxes máis que coñecidas.