06 noviembre 2007

Manifesto achado en Camariñas (22 anos despois)


Crónicas Hyportuarias
Nos bretemosos días da Era Hyportuaria, despois da chegada da Grande Humidade e do cataclismo ideolóxico que africanizou Iberia e terminou coa decadente Idade Postoureira, reducindo aos mouros habitantes do Magreb á barbarie e o axexo, unha civilización valente e comerciante florecía na costa do
Atlántico: A Reserva Noroccidental. Atlantic City, Celtic Town, Kompostpétrea érguense ao longo da Raia Atlántica, inseridas na Federación Marítima que integra os pobos costeiros de Noveuropa.
Telón de Grelos

Entre a Raia atlántica e o Telón de Grelos , que afasta fisicamente a Reserva Noroccidental das tribos do Deserto Mesetario, discorre unha terra dura e brava, onde unha raza noroccidental primixenia se endurece nos perigos do bosque para encarar un destino remoto e común a todos os seus antergos:
dominar os aspectos máis carnais da hostelaria en Soho e Saint Paul. Son os dominios de Mont-Fort, Burgasville, Saint Froiland, Mont-Ross
Barra do Bacalhau
A Reserva Noroccidental pertence á Comunidade Económica do Mar do Norte. Nas principais metrópolis da mesma os reservistas exercen unha importante influencia no sector de servicios. Este rasgo nacional procede da época "ultramariña" na que aventureiros noroccidentais iniciaron na ciencia
da tenda de coloniais á poboación indíxena do Atlántico Sur, empresa á que se uniron tamén algúns fillos do País de Camoes, unha sud-parte atlántica afastada da Reserva pola Barra do bacalhau, pero profundamente unida por similares costumes, como a tradicional aversión polos aranceis aduaneiros.

Ruta do Calamar
O océano é a corda umbilical que comunica os noroccidentais co seu destino de civilización. Por el exténdese a Ruta do Calamar, un labirinto de intereses pesqueiros intermarítimos que atinxe desde Durban e Johanessburg ata Boston e as illas Sandwich, dominado por unha cúpula financieira noroccidental establecida en Celtic Town, que herdou do seu antigo colega Francis Drake a súa habilidade especulativa. Do océano proceden tamén regularmente centos de mariños noroccidentais que hexemonizan as tripulacións mercantes que percorren as rotas de abastaecimento enerxético, ben provistos de exóticas mercadorías de grande aprezo, especialmente as níveas ou o célebre "Winston",
que son posteriormente introducidas nos antros praieiros da meseta desértica.

Atlantic City, a nobreza

Atlantic City é a metrópoli da Reserva e a guía da tradición xerárquica noroccidental , gardada por unha camada de escribas de ríxidos e señoriais costumes, que aspiran a hexemonizar o discorrer cotidiano
dos reservistas, tal e como preconiza O Faro, símbolo totémico da urbe. Os niveis de estatus social en Atlantic City están unicamente demarcados pola antigüidade do clan familiar á que pertence o cidadán.
O pasado é o valor máis venerado na cidade atlántica e o tempo discorre entre as súas ventosas avenidas sen deixar pegada, mentres a néboa do océano agacha os seus faraónicos poboadores da contaminación contemporánea, refuxiados atrás das asépticas e afamadas cristaleiras, ocupados no culto
aos grandiosos antepasados, o seguimento da bolsa de valores e a defensa dunhas arcaicas e ameazadas institucións metropolitanas que xa brillaban nos tempos lonxincuos, cando a Era Hyportuaria non nacera e Atlantic City era o vixía noroccidental do imperi magrebí do caudillo Fran-Franc.
Celtic Town, a fronteira
Celtic Town é a alternativa abigarrada a Atlantic City; unha urbe trepidante sinalado polo espírito da fronteira. Neste caso, a súa condición de encrucillada contraditoria entre a viciña impetuosidade meridional do País de Camoes, os vicios noratlánticos traídos polas tripulacións británicas ao Berbés e
a inxenua ferocidade dos clans piratas que poboan a outra banda da Baía do Morrón e aflúen ás excitantes covas nocturnas de Celtic Town a través do Paso de Rande. Esta terra de ninguén atraiu todo tipo de "Outsiders" -mercadores, xoglares, alquimistas- que dereon a Celtic Town unha época dourada
e un símbolo inequívoco: unha oliveira a medio camiño entre a alegoría do coñecimento e a arte de vender aceito para o bacalhau ao pobo camo eta. A vida en Celtic Town ten a esperanza propia de xentes pouco acostumadas á resignación; un certo morbo de cidade sen lei e o ascenso social dunha
camada de barbeiros e taberneiros son o esqueletoo deste pobo aberto.
Kompostpétrea, o conxuro
Kompostpétrea é a memoria cabalística da raza noroccidental. Un labirinto de sociedades segredas ocultas pola pedra e un conxuro astral. Nas profundidades dos seus edificios remotos armacénanse os misterios de sucesivos cultos que varias xeracións de sacerdotes e meigos menores empregaron para
exercer o poder. O advenimento da Grande Humidade forzou a negociación dunha alianza de curandeiros, feirantes e vetustos bibliotecarios que, baixo da tutela dos escuros magos, exerce como clero da nova relixión: o "Self Government". As antigas camadas terratenentes e ilustradas
noroccidentais tentan así perpetuar o seu poder e dar unha fráxil unidade política ás centrífugas relacións que manteñen entre si as tribos da Reserva. Arredor da vella cicadela de granito refléctese unha imaxe inversa: ociosos e xovens retallos das principais familias noroccidentais, enviados en pescuda do coñecimento armacenado en Kompostpétrea, amorénase nunha perpetua xoldra en pousadas e tabernas, das que o rebumbio provocou hai miles de anos o nacimento do "tour operator" e asolagou Kompostpétrea de visitantes do norte a través da primeira rota turística europea, a Vía Pétrea.
Por este mesmo camiño soñan chegar algún malfadado día as cábilas mesetarias a pór fin á Grande Humidade e selar un confuso "affaire" histórico que encerra toda a virilidade noroccidental nos sinos do Grande Templo kompostpétreo, pretendidamente roubadas polos siareiros do Magreb nos esquecidos tempos do Poder Mouro.
Madrís, a conspiración
No corazón do Deserto mesetario érguese a turbulenta Madrís, metrópoli do universo de secano e porta do ardente Magreb, poboada por xente patilluda e bandoleira, inventora de covas malsás onde se practica a inexplicablemente célebre Cocida madrileña.
A era Hyportuaria rematou coa hexemonía ibérica da capital do deserto, onde porén se tecen novas conxuras contra da orde noroccidental. Ao abeiro do rexurdimento dun movimento folclórico latino esquecido desde o éxito de "La plaga", unha cúpula madridista tenta reunificar o abatido espírito mediterráneo e hexemonizar o eixo xeopolítico Roma-París-Madrís. Os servizos de información infliltrados na quinta coluna noroccidental en Madrís -adestrados na Escola de Hostelaria de Kompostpétrea – avisaron do próximo obxectivo da conspiración elaborada pola Ameaza Magrebí: extender o Eixo a Lisboa. Madrís coñece e valora o tradicional proverbio noroccidental: "Nada vai mal mentres quede Portugal".
Recollido do "Manifesto achado en Camariñas".
(LA NAVAL . Revista atlántica. Número 1. Marzo-85 )

6 comments:

  1. Dios mío¡¡¡ La Naval. Pues sí que anduviste buscando por el fallado. Pero ha valido la pena; el artículo es muy muy bueno.
    PI

    ResponderEliminar
  2. Bueno más bien en el ciberfallado. El Google puede con todo. A mi es un artículo que me dejó marcado, incluso a nivel estilístico, desde que lo leí el mismo día en que salió el primer número de la revista.

    ResponderEliminar
  3. Moi bo artigo sí señor. Felicítoo

    ResponderEliminar
  4. Non me felicite a min, felicite aos da La Naval por facer aquela revistiña tan feiticeira que tanto nos gustaba aos seus lectores dos oitenta.

    ResponderEliminar
  5. Estoy contento porque he entendido el texto y lo he disfrutado. Un cordial saludo, amigo gallego.

    ResponderEliminar
  6. Me alegro que lo haya disfrutado pertenece a aquellos maravillosos ochenta donde todo parecía posible y había un montón de gente con ganas de hacer cosas, caso de los que hacían esta revista.

    ResponderEliminar