(Traductor de galego en: Opentrad)
Aquela noite, na hora meiga en que se apagan os televisores é unha torrenteira de auga corre polos canos, estaba o voso servidor acochado a carón dunha fiestra, esperando ter o valor suficiente para lanzarse ao infinito.
Tres días antes chamaron á porta da miña casa, fun abrir e diante miña apareceu un paquete dourado sostido por dúas pernas miúdas, como de gato, embutidas nuns pantalóns cor anil.
- Coño ...¡é isto!
- E para vostede -dixo unha voz miúda dende debaixo do vulto- Pero por favor, teña compaixón deste pobre anano e axúdeme. ¡¡Vaime esmagar co peso!!
En realidade non pesaba nada, polo menos para min. Debaixo apareceu un pequeno casco de moto, do tamaño dunha cunca para o caldo e de cor lila, no que apenas podía verse a faciana sufocada, case fervente, dun homiño. O seu atavío era singular para un ser que evidentemente procedía da raza dos ananos de cova: levaba cazadora de coiro, camisa a raias e aqueles pantalóns anil que escentilaban estrañamente na penumbra do corredor. Inviteino a entrar mentres deixaba o paquete encima da mesa da entrada. Instintivamente decateime que dentro daquel fardel estaba a clave do meu futuro.
- ¿Quere...quere tomar algo?- a penas balbucín
- Si, claro estou realmente canso- O anano tirouse no miña cadeira favorita- ¿Tes licorcafé?
- Non, non teño. Pódolle ofrecer outra cousa
- Déixao, o único que me podería erguerme o ánimo sería un bo grolo de esa bebida.
- ¿Moito tráfico polas rúas? –dixen eu, por dicir algo.
- ¿Polas rúas? Non sei, supoño que si, aínda que non cho podo dicir con seguridade. Eu a penas me desprazo por elas
- ¿Cómo é iso? ¿Entón como chegou ata aquí?
O anano botouse a rir a esgalla.
- ¿Non pretenderás que eu vaia polo voso inferno automobilístico coa miña pequena Lisistrata? - Sen máis, meteu unha man no peto e foi sacando pouco a pouco unha longuísima pluma verde de case o seu mesmo tamaño. Aquelo parecía pura maxia.
- ¿Verdade Lisistrata?,churriña. Eu nunca permitiría que colleras unha doenza por mergullarte con esas máquinas asasinas. Xa temos bastante coas ratas –Despois de acariñar a pluma deulle un bico e volveuna a meter no peto coa mesma indiferencia.
- ¿Ratas di?
- ¿Non as chamades así? Os vosos sumidoiros están cheos de ratas. Algunhas tan grandes como gatos. Non vexas o que custa canealas cando vou dun lado a outro montado na miña doce Lis.
- ¿Ou sexa que os ananos usan os sumidoiros para desprazarse ...¿voando?
- Sí claro, dende as nosas covas na Ananía temos comunicación directa co voso mundo a través dos sumidoiros. Cando os ananos mensaxeiros temos unha misión na superficie utilizamos os vosos canles subterráneos. Con todo, o peor momento é cando temos que erguer a tapa e saír fora, nunca sabemos o que podemos atopar enriba.
Interrompeu a conversa e sacou una reloxo de area da cazadora
- Ben. Xa vai sendo hora de que me vaia, é tarde demais. No paquete atoparás as instruccións para o manexo do traxe. Tamén vai dentro un intercomunicador para que te poñas en contacto connosco se o necesitas
Foi ata porta con xesto seguro e rematou con aire grave e profundo:
- Boa sorte meu amigo, necesitarala.
Trala súa marcha quedei un rato no sofá sen sequera folgos para abrir o envío. Aquela historia era moito para un tipo normaliño coma eu. Dende o principio, despois da primeira sorpresa na cova, decidira deixarme ir tal como se fose un pesadelo que máis tarde ou máis pronto terminaría por rematar. Pasou o tempo, e agora aquelo voltaba a min de xeito inesperado e no peor intre: estaba a piques de conseguir un posto como profesor contratado na universidade.
Foi unha longa tarde de tabaco, música e alcohol e xa cando comezaba a esmorecer o día botei un fondo suspiro e púxenme a remexer no paquete.
O primeiro que chamou a miña atención foi un rolo que semellaba de pergamiño. Despregueino. En letras góticas enormes, de cor vermella, estaba escrito todo un manual completo de como levar con xeito o uniforme de superheroe así como algunhas nocións básicas sobre técnicas de vóo con capa. Debaixo estaba a roupa, que fun sacando case con arrepío; e ó final de todo, atopei o que mensaxeiro chamara intercomunicador: dúas cascas cóncavas de piñeiro unidas por un fío delgado de liño. Non entendía aquel trebello. Puxen as cortizas nas orellas pero non escoitei nada. Probei a axitar o fío pero tampouco. Xa case desesperado, decidín golpear unha casca contra a outra. De súpeto, escoitei unha voz profunda saída de alí dentro.
- Identifíquese, camarada.
- Mire é que son...-un zumbido indicoume que perdera o sinal. Volvín a golpear as cascas esta vez con máis forza
- Identifíquese, camarada.
- Perdoe son o de antes...-outro zumbido e volta ó silencio
- ¡Rediosss, ¿cómo carallo funciona esta merda? – berrei alporizado mentres lanzaba unha cuncha contra a outra de xeito brutal.
De súpeto a habitación quedou envolta nunha especie de fume de cor amarelo. Cando esvaeu a néboa apareceu diante miña a figura case familiar de Xan das Covas fumando placidamente nunha cachimba verde.- Ahhh es ti. ¿Quén se non? A túa brusquedade te delata. ¿Algunha novidade?
- Estaba probando a cousa esta do intercomunicador. Por fin funciona.
- Moi ben, vexo que xa estás preparado para iniciar o teu adestramento. Tes dous días para familiarizarte coa rutina teórica de vóo e ó terceiro comezarás a parte práctica.
- Un momento, un momento...¿Está a falar de que dentro de tres días terei que poñerme a voar?
- Exacto, ese e o prazo que tes. Calquera retraso podería ser funesto para a túa saúde. O traxe é moi sensible ós temerosos e lacazáns. Podería obrigarte a voar pola forza. Date conta que ten o que poderiamos chamar... vida propia.
- Pero señor das Covas, eu non estou preparado... - case chorei
- Non quero máis desculpas. Sabemos que ti es a persoa axitada e non hai outra cousa que dicir - fixo un chisco cos dedos e desapareceu entre a fumareda amarela.
Os días seguintes foron de verdadeira tortura. Enchinme a tomar tranquilizantes e anxiolíticos, lin todos os manuais de autoaxuda que atopei pola casa e arredores e incluso escoitei por fin as cintas de relaxación que me dera aquela psicóloga ilusa que pretendera curarme, no seu momento, da miña vella, familiar e naquel momento desexada depresión.
Descoñezo completamente o que senten os toureiros cando se poñen por primeira vez o traxe de luces pero estou seguro que a sensación non pode ser peor que a que experimentei aquel día vestido con aqueles farrapos e xa a piques de entrar na historia da estupidez humana.Era unha noite triste de outono e un orballo preguiceiro acompañaba coa súa monótona letanía a miña desesperada determinación. Calaron os canos e a noite foise espesando naquel arrabalde marxinal da cidade chantado encima dun outeiro. Vivía nun vello piso de dúas habitacións alugado a baixo prezo ao que intentara gornecer con moi pouco éxito, condicionado polos meus mesquiños recursos. Dende a fiestra tiña unha ampla perspectiva da cidade e unha extensa matogueira separaba o meu edificio solitario das casas circundantes. Abaixo un pequeno tramo asfaltado permitía a entrada e saída á civilización sempre que o medio de locomoción non fose demasiado fachendoso.
- Un, dous, tres... Non, non podo -supliquei á noite indiferente
- Un, dous, tres... Sintóo... é imposible- repetín nun triste laio
- Un, dous, tres ....
- Salta dunha puta vez, ¡¡¡coño!!! -era unha voz grave e amenazante e saía dun lugar descoñecido do meu traxe.
Saltei.